Os concellos da costa piden máis controis para evitar a chegada de turistas doutras comunidades
A mobilidade entre comunidades segue prohibida, non está permitida nin entre as que están na mesma fase.
"Non está autorizada unha maior mobilidade entre as distintas unidades territoriais que a que xa estaba autorizada no marco do decreto do estado de alarma que era por razóns profesionais, sanitarias ou de forza maior. Non é posible, nestes momentos, que un cidadán de calquera comunidade autónoma se queira desprazar á costa galega para desfrutar duns días, isto non está permitido", di Salvador Illa, ministro de Sanidade.
Pero hai concellos, sobre todo os da costa, que denuncian a chegada de xente de fóra de Galicia. Primeiro foron Poio, Sanxenxo e O Grove, agora é Cabanas.
"Nas últimas semanas e días detectamos outra chegada de persoas doutras comunidades e estamos traballando coa Garda Civil para detectalos", asegura Carlos Ladra, alcalde de Cabanas.
Masiva ou non, os veciños destes concellos da costa, constatan que hai xente doutras comunidades. A Delegación do Goberno en Galicia asegura que non está a detectar unha chegada masiva de xente de fóra. Tamén o dí, a Garda Civil.
"É moi minoritario as persoas que non cumpren e a gran maioría das persoas están cumprindo e estamos detectando que se respecta a normativa que está establecida", afirma Héctor Teixeira, Garda Civil.
A mobilidade entre comunidades non estará permitida ata que remate a fase 3, e se chegue á chamada nova normalidade.