CRTVG

Buscar

Os concellos da área sanitaria de Ferrol recuperan a mobilidade

Publicado o 05/03/2021 16:45

Desde hoxe os habitantes dos concellos da área sanitaria de Ferrol xa poden desprazarse a boa parte de Galicia, e recibir tamén xente co que supón de alivio para os veciños e os negocios da zona. É un día de alegría e reencontros na área sanitaria de Ferrol. A mellora da situación permitiu levantar o peche perimetral e baixar o nivel medio de restricións, agás no concello de Cariño.

Deste xeito recuperan a mobilidade con boa parte de Galicia e volven tamén ao interior dos bares, retomando as súas rutinas, pero con moita prudencia porque se algo nos din aquí é que o que non queren é dar pasos atrás.

Mañá será un gran día para Teresa e Paco. Por fin poderán viaxar a Vigo para coñecer o seu neto Simón. Cae o muro que pechaba a área sanitaria de Ferrol e con el chegan os reencontros.

Cerca deles Rubén recibe de novo os clientes no interior do seu bar no peirao de Ferrol. Foron meses moi duros pero hoxe é un día de esperanza.

Tamén Lola está ilusionada coa volta a rutina. Por fin as suas clientas poden tomar o café abrigadas do vento. Precintou mesas, fixo contas co aforo e está preparada para dar un servizo seguro a once persoas no interior da súa cafetería.

O alivio respírase na rúa pero tamén a prudencia porque son moitos os que como Lola pensan que agora non é momento de baixar a garda.

Noticias web

05/03/2021