CRTVG

Buscar

As forzas de seguridade centrarán os controis en zonas de risco e colectivos menos vacinados

Publicado o 07/05/2021 16:33
As forzas de seguridade centrarán os controis en zonas de risco e colectivos menos vacinados

Nos concellos que están perimetrados pese a apertura xeral haberá unha especial vixilancia, con reforzo dos controis da policía ou da Garda Civil. Explicouno o delegado do Goberno despois de reunirse coa Xunta, na última reunión do Centro de Cordinación polo estado de alarma. 

Ademais, prestarase atención especial aos colectivos con menor taxa de vacinación e aos concellos cun índice de poboación nova máis alto, como as áreas metropolitanas das cidades, para vixiar que se cumpran as novas medidas de horarios e reunións. 

Miñones apelou á "responsabilidade" da cidadanía de Galicia para "non retroceder na actual situación da pandemia" e lembrou que, aínda que a fronteira de Portugal estea aberta, "os que decidan viaxar ao país veciño deberán ter en conta as restricións vixentes de mobilidade e actividades permitidas".  

Logo da reunión, en que participaron os subdelegados do Goberno nas provincias, os representantes dos máximos corpos e forzas de seguridade do Estado en Galicia e a Fegamp, o delegado do Goberno reiterou a "máxima colaboración" coas autoridades sanitarias para a protección da saúde pública ante o próximo levantamento do estado de alarma.  

José Miñones apelou á responsabilidade individual da cidadanía galega para "non retroceder" e lembrou que seguen "sendo imprescindibles as medidas de distanciamento e protección individual se se quere seguir avanzando na nova normalidade".