Os comúns frean a Johnson: nin 'brexit' abrupto nin eleccións
O Parlamento británico volve amosar unha resistencia férrea á intención de Boris Johnson de deixar Europa o 31 de outubro, mesmo se é de xeito abrupto. A saída dunhas eleccións tampouco foi aceptada polos laboristas que din que non convocarán as urnas mentres non haxa un acordo con Bruxelas. O primeiro ministro sufría así dous serios reveses dunha soa xornada.
Precísase unha maioría de dous tercios no Parlamento para convocar eleccións no Reino Unido, e os de Corbyn non están polo labor.
"É o primeiro líder da oposición da historia democrática do noso país que rexeita unhas eleccións", ironizaba Johnson, e concluía que iso é porque non pensa que as poida gañar. Acosado por un Parlamento que está a frear a súa acción política en relación ao 'brexit', o primeiro ministro non disimulou o seu enfado, chamoulle galiña a Corbyn e díxolle que a sua política económica era pó e merda.
"A súa oferta de eleccións é como a mazá de Brancaneves, agocha o veleno dun brexit sen acordo", respondeulle Corbyn.
Minutos antes, os comúns aprobaban, co apoio dos 21 deputados díscolos dos tories, unha lei para pedir unha nova prórroga a Bruxelas se non houbese acordo. Unha lei que un grupo de afíns a Johnson se propón torpedear na cámara dos Lores, onde presentaron máis de cen emendas para dilatar o debate. É a reacción fronte aos 21 detractores que foron expulsados do partido conservador, entre eles o propio neto de Winston Churchill.
Mentres tanto, Bruxelas avisa os países membros de que non confíen unha nova prórroga e estean preparados para unha saída abrupta do Reino Unido. Iberia e Vueling terán que demostrar que a maioría do seu capital é europeo se non queren perder dereitos de voo.