Os compradores vacinados serán obsequiados cunha botella na Feira do Viño e das Cereixas de Belesar
Dous anos despois da súa última edición, esta ponte volverá celebrarse a Feira do Viño e das Cereixas de Belesar, localidade compartida entre Chantada e O Saviñao. Como incentivo para os asistentes, todos aqueles que merquen un quilo de cereixas e acrediten estar vacinados ou ter PCR negativa serán obsequiados cunha botella de viño.
Ramón Rodríguez Porto, produtor de cereixa: "Queremos agasallar todos os que estean vacinados ou con PCR negativa e que o poidan demostrar co móbil, que é mi doado, cunha botella de viño da Ribeira Sacra, e só teñen como requisito adquirir un quilo das cereixas que poñeremos á venda como colaboración coa organización do evento".
Margarita Fernández, produtora de cereixa: "Eles que veñan, porque se non levan iso levan cereixas, que aquí hai de todo".
O público tamén poderá asistir ao certame de aturuxos entre papeiros e rabudos, como se coñecen popularmente os veciños dunha e doutra beira do Miño. O premio para o gañador será un lote de viño da Ribeira Sacra.
Poranse á venda uns 3.000 quilos de cereixas e unhas 4.000 botellas de viño.