CRTVG

Buscar

Os comerciantes, satisfeitos do empurrón que dá ás vendas o Bono Activa da Xunta

Publicado o 29/05/2021 15:29

Só en Santiago preto de 300 tendas e 4.000 clientes se sumaron a esta campaña que quere incentivar as compras no comercio local. De visita nalgúns establecementos da cidade, o conselleiro de Economía comproba a acollida deste BONO ACTIVA que permite un aforro de ata 30 euros.

Os negocios interesados aínda poden unirse á iniciativa ata o luns. Francisco Conde, conselleiro de Economía di que "está permitindo neste momento que haxa 117.000 galegos e galegas que xa baixaron o bono en 5.200 comercios que se adheriron é unha iniciativa que pode mobilizar neste caso máis de 55 millóns de euros en toda Galicia", 55 millóns de euros que os comerciantes confían facturar.

En tres semanas, o bono mobilizou 3 millóns e medio de euros, segundo a Xunta. José Antonio Seijas, presidente de Comercio Punto Compostela valora que  é "unha boa iniciativa".
José María Fernández, presidente de Santiago Centro di: "Agora que vemos a luz ao final do túnel é bo que se apoie o comercio porque a pandemia afectoulle á hostalería pero na mesma medida ao comercio". 

A Xunta tamén ten en marcha axudas por 5 millóns de euros para a modernización e dixitalización do comercio. "Galicia ten que reiventar o seu comercio de proximidade, clave para a nosa economía", apunta o conselleiro.

No que vai de ano o comercio galego incrementou as vendas un 7,4 por cento, o que supón unha reactivación do consumo por riba da media de España.

Noticias web

29/05/2021