CRTVG

Buscar

Os ciclistas cren que a nova lei de Tráfico queda curta na protección dos que van en bici

Publicado o 06/10/2021 14:23

A nova lei de tráfico avanza na protección dos ciclistas na estrada, con novidades sobre as condicións á hora de realizar adiantamentos, pero hai aspectos que os ciclistas consideran fundamentais e que non están recollidos.

Mantense a distancia mínima dun metro e medio nos adiantamentos a ciclistas e ciclomotores, pero a nova lei vai máis alá: en zonas de dobre carril, será obrigatorio o cambio completo de carril e non se poderá adiantar cando no outro sentido veñan ciclistas que puideran correr perigo.

Carlos Moure Castro, presidente do Club Ciclista ourensán, cre que "está moi ben, pero se non vén acompañada doutras medidas como máis garda civil nas estradas, vai ser o mesmo".

Fóra do texto legal quedou, alomenos de momento, a demanda de reducir en 20 quilómetros por hora sobre o límite da vía a velocidade máxima dos adiantamentos a ciclistas. Carlos explica que "se che pasa un coche a 90-110, rozando, o rebufo que ten, a unha persoa novata, tíraa".

"Cando vén algún coche detrás con presa, que non ten conta que o que vai diante é unha persoa en bicicleta", di un ciclista.

A asociación de automobilistas, pola contra, aplaude que non se reduzan os límites de velocidade. Mario Arnaldo, presidente de Automobilistas Europeos Asociados, cre que "habería que modificar toda a sinalización que existe nos 150.000 quilómetros de estradas convencionais que hai en España. E o que sería un risco enorme é eliminar esa marxe, sen cambiar os sinais".

A nova lei prevé sancións de ata 200 euros en adiantamentos indebidos e ata 4 puntos do carné se se pon en risco ou se entorpece o ciclista.

Noticias web

06/10/2021