CRTVG

Buscar

Os certificados de autotest das farmacias non son válidos para viaxar ao Reino Unido

Publicado o 17/09/2021 13:34

Ducias de galegos viaxaron con destino Londres dende o aeroporto Rosalía de Castro ás 11 e media. Excepto algún viaxeiro que esqueceu cubrir os formularios que a compañía esixe descargar da súa web, ningún tivo problemas cos certificados covid que esixe o Goberno británico para entrar no país. A día de hoxe son: o certificado europeo de vacinación, ou o de que se superou a enfermidade ou un certificado de proba diagnóstica recente. Os tres pódense descargar na web do Sergas en galego, castelán ou inglés.

A maiores, o Reino Unido, e outros países, esixen presentar un certificado de PCR ou antíxenos con resultado negativo feitos dous días antes do voo, pero non serven os emitidos nas farmacias. E non é un problema de que estean redactados en galego, senón de que os autotests non teñen validez para viaxar. Os que saíron hoxe do aeroporto compostelán tíñano claro.

Os viaxeiros galegos que voaron hoxe a Londres desde Santiago coñecían a polémica e optaron xa por realizar unha PCR nun laboratorio e desbotaron a idea do autotest nas farmacias. Unha vez en Londres, os viaxeiros teñen que realizar unha segunda proba PCR nas 48 horas seguintes á súa chegada.

Malia que a polémica está aclarada, desde o Goberno galego remitíronlle unha carta ao embaixador do Reino Unido para instar as autoridades británicas a recoñecer os certificados redactados en galego, sempre que sexan válidos.

Noticias web

17/09/2021