Os centros de saúde fan o último esforzo para tratar de captar os aínda non vacinados
A porcentaxe de vacinados contra a covid é dun 94 % da poboación diana e segue a razón duns mil máis cada semana. Para captar estas persoas que non acudiron aos chamamentos está a ser fundamental o labor dos centros de saúde.
Raquel, do centro médico de Culleredo, forma parte dese exército de enfermeiras que vacinaron o 94 % da poboación diana en Galicia. Cada día repasa a listaxe dos que non acudiron ao chamamento e ponse en contacto con eles para explicarlles os beneficios da vacinación.
Os rexistros da vacinación en Galicia seguen medrando, así, pinga a pinga, convencendo un por un os que aínda lles quedaba unha miguiña de medo, contactando cos que non puideron acudir. As enfermeiras indícanlles os centros de vacinación, abertos de luns a sábado en horario de mañá nos catorce distritos sanitarios.
Pero non hai reticencias en todos os que faltan. Como explican no centro de saúde de Culleredo moitas veces son persoas que residen noutras comunidades ou noutros países.
Nese caso deben enviar o certificado de vacinación para que conste na súa historia clínica. Un traballo de captación activa que está a situar Galicia como unha das zonas de Europa con mellores rexistros.