Os CDR detidos planeaban asaltar o Parlament para que Torra proclamase a república
Os sete membros dos CDR detidos hai un mes en Cataluña planeaban asaltar o Parlamento catalán e pecharse nel durante unha semana co presidente da Generalitat dentro para proclamar a república. Así se constata no sumario da operación.
Segundo a declaración dun dos acusados, os detidos recibiron o encargo por parte dun "grupo secreto", ao que denominan o CNI catalán, que lles facilitaba información e infraestrutura para poder levar a cabo o asalto.
A idea era entrar pola porta principal do Parlament catalán reducindo e mesmo esposando con bridas os Mossos d'Esquadra e logo, unha vez dentro, defender o edificio e blindalo durante unha semana. Todo para que o que chamaban día D o presidente da Generalitat, Quim Torra, ao que se refiren co alcume de Gandalf, declarase a independencia de Cataluña e proclamase a república sen ser detido.
Ese plan de ocupación finalmente frustrado revelárono ante o xuíz varios dos sete membros dos CDR arrestados e encarcerados o 23 de setembro. Un deles, Ferrán Jolis, dixo que a ocupación fora un encargo de Presidencia, de Torra. A Garda Civil atribúe a Jolis, experto informático, a creación dos ERT, os chamados Equipos de Resposta Táctica. El sería o encargado de establecer unha rede de comunicación segura e indetectable para seguir comunicados desde o interior do Parlament.
Segundo consta no sumario da operación Judas, un informe da Garda Civil apunta a que o asalto ao Parlament o encargou un grupo secreto, denominado o CNI catalán, que dispoñía de infraestrutura organizada a nivel técnico e táctico e de amplos recursos económicos.
No sumario tamén sae o nome de Carles Puigdemont. A Garda Civil describe un reunión secreta nun coche entre os ERT e a irmá do ex-presidente co obxectivo de establecer comunicacións seguras entre el e Quim Torra.