CRTVG

Buscar

Os casos seguen subindo en España, con 22.013 contaxios e unha incidencia de 224

Publicado o 21/12/2020 18:18

As comunidades autónomas notificaron este luns ao Ministerio de Sanidade 22.013 novos casos de COVID-19 esta fin de semana, 2.156 deles diagnosticados nas últimas 24 horas. Isto supón unha cifra superior aos 21.309 do mesmo día da fin de semana anterior.

A cifra total de contaxios en España elévase xa a 1.819.249 desde o inicio da pandemia, segundo as estatísticas oficiais. A incidencia acumulada nos últimos 14 días por 100.000 habitantes sitúase en 224, fronte a 214 o venres e 193 o luns pasado, cun total de 105.752 positivos nas pasadas dúas semanas.

No informe deste luns engadíronse 334 novos falecementos, en comparación cos 149 do venres e 389 do luns pasado. Ata 49.260 persoas con proba diagnóstica positiva faleceron desde que o virus chegou a España, de acordo cos datos recolleitos polo Ministerio.

Na última semana faleceron 565 persoas con diagnóstico de COVID-19 positivo confirmado en España. Actualmente, hai 11.431 pacientes ingresados por COVID-19 en toda España (11.224 o venres) e 1.944 en UCI (1.920 o venres).

Nas últimas 24 horas, producíronse 945 ingresos (1.131 o venres) e 456 altas (1.249 o venres). A taxa de ocupación de camas ocupadas por coronavirus sitúase no 9,40 por cento (9,14% o venres) e nas UCI no 20 por cento (20,10% o venres).

As medidas para o Nadal deben adaptarse á situación epidemeolóxica

Repuntan os contaxios na fin de semana e a incidencia acumulada reflicte unha tendencia ascendente. O venres só Baleares superaba os 300 casos por 100.000 habitantes. Este luns, tamén Madrid se sitúa por riba desa cifra.

"Estes incrementos dos últimos días suporán, previsiblemente, un pequeno empeoramento dos datos asistenciais", asegura Silvia Calzón, secretaria de Estado de Sanidade.

Polo momento, baixa lixeiramente a presión nas unidade de coidados intensivos, cunha media do 20% de camas ocupadas en toda España. A secretaria de Estado de Sanidade deixa claro que as medidas para o Nadal van adaptarse á situación epidemiolóxica de cada territorio.

"Necesariamente teñen que adaptarse á distinta avaliación da situación epidemiolóxica en cada unha das comunidade. E incluso á variación das provincias dentro dunha mesma autonomía", advirte.

Tamén se van reforzar, sobre todo durante as festas, as medidas de control de acceso de todas as persoas que procedan do Reino Unido, onde medra a preocupación pola nova cepa do virus identificada.