Os casos activos rexistran a maior caída en case tres meses (-117) e baixan a 1.734
• Aumentan os casos na área de Ourense (+3)
• Só se rexistraron 58 novos positivos por PCR, a cifra máis baixa dende o 6 de agosto

Galicia mantén a boa evolución. Segundo os últimos datos do Sergas, hai 1.734 persoas diagnosticadas con covid-19 no país, 117 menos ca onte, tras 58 novos positivos. É a baixada máis importante na curva de casos activos en case tres meses.
Por áreas sanitarias, a repartición sería a seguinte:
A Coruña: 324 (-9)
Ferrol: 89 (-7)
Lugo: 224 (-16)
Ourense: 161 (+3)
Pontevedra: 193 (-19)
Santiago: 295 (-29)
Vigo: 448 (-40)
Lixeira mellora nos hospitais
En Galicia hai un total de 83 persoas ingresadas pola doenza, unha menos ca onte: 68 en planta (-1) e 15 nas UCI (=).
Boas novas tamén no respectivo ás cifras de falecementos. Onte o Sergas non informou de ningunha morte por mor do coronavirus, o que mantén a cifra de vítimas no que vai de pandemia en 2.426.
Positividade por debaixo de 2 %
No que respecta á taxa de positividade, esta descendeu ata o 1,84 %, logo de que deran positivo 58 das 3.157 persoas ás que se lles realizou unha proba PCR ata onte (hora de peche ás 18:00). Segue na liña dos últimos catro meses, en que a positividade non excedeu o limiar máximo recomendado pola OMS do 5 %.