CRTVG

Buscar

Segue a tendencia á baixa dos casos activos en Galicia, ao caeren ata os 9.060

Publicado o 17/11/2020 09:49

• Os casos activos diminúen en todas as áreas, agás na de Santiago, que queda igual

• Núñez Feijóo di: "Aínda non podemos garantir como será o Nadal"

 

Volven caer os casos activos en Galicia. Fano dun xeito menor ao das xornadas anteriores; quedan en 9.060 persoas infectadas, 50 menos ca onte. Os novos contaxios foron 392, 388 confirmados por PCR.

 

Estabilízase a cifra de ingresados

Poucas diferenzas respecto á cifra de persoas hospitalizadas nos centros galegos. Hai 609, unha menos ca onte: 106 nas UCI (-4) e 503 en planta (+3). Contrasta coas importantes subas sufridas en días anteriores, cando os ingresos chegaron nalgunha xornada a superar a vintena.

Por desgraza, onte notificáronse 17 falecementos por mor da covid−19, que elevan o número de vítimas nesta pandemia a 1.086

Baixa positividade

Coma cada semana, a cifra de PCR notificada en martes é menor á tónica xeral do resto da semana. Fixéronse 6.897, a diferenza respecto a onte é pouca, só 149 menos. Realizáronse 2.554 probas máis ca o martes pasado e 924 menos ca o anterior (3 de novembro).

Un dato positivo atopámolo na taxa de positividade, isto é, o número de positivos que atopamos por cada cen PCR. A taxa de positividade en Galicia sitúase no 5,63 %, unha cifra máis próxima ao limiar máximo ditado pola Organización Mundial da Saúde, do 5 %.

Mapas de niveis de alerta