CRTVG

Buscar

Falecen cinco persoas en Galicia diagnosticadas con covid-19

Publicado o 21/11/2020 22:04

• Baixan os casos activos en todas as áreas agás Vigo e Pontevedra

• Preocupa a situación na área sanitaria de Vigo, con 171 casos confirmados nas últimas horas | A da Coruña tamén está por riba dos 100 contaxios

Falecen cinco persoas en Galicia diagnosticadas con covid-19

O Sergas informa de que nas últimas horas faleceron cinco persoas ingresadas nos hospitais galegos. Trátase dun home de 90 anos e outro de 85 no hospital de Ferrol, outro home de 84 e unha muller de 86 no de Ourense. A muller procedía da residencia Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia. Ademais, faleceu outra muller de 87 anos no Clínico de Santiago.

Con estas últimas mortes son 1.137 as persoas falecidas en Galicia con covid-19 desde o comezo da pandemia.

Nunha xorrnada en que Sanidade notifica con datos do venres ás 18:00 horas que Galicia baixa outra vez da barreira dos 9.000 casos activos de coronavirus, que se sitúan así en 8.978, cunha redución de 108 sobre as cifras da véspera. 

A explicación está na caída á súa vez dos contaxios diagnosticados por PCR nas últimas 24 horas, que son 561, un descenso notable de 124 infeccións menos. Realizáronse 7.089 probas PCR na última xornada. As 677 altas deixan este saldo favorable dos casos activos, que se reducen desde o pico do 7 de novembro, cando entraron en vigor as restricións máis duras.

A presión asistencial mitígase con 96 pacientes en UCI, un menos, e 438 hospitalizados en planta, cun descenso máis notable con 34 enfermos menos. Tamén hai 73 persoas menos en seguimento domiciliario.