CRTVG

Buscar

Os casos activos baixan ata os 2.865 e redúcense os ingresos nos hospitais galegos

Publicado o 15/05/2021 20:04

• Rexístranse 177 novos positivos, 18 máis ca na xornada anterior

• Baixan en 12 os ingresos en planta e mantéñense nas UCI

• Sanidade non notifica novos falecementos nas últimas horas

Sanidade non notifica novas mortes por mor da covid en Galicia nas últimas horas, polo que se mantén en 2.401 a cifra total de falecidos, dende o inicio da pandemia. Por outra banda, os casos activos baixan este sábado ata os 2.865 en Galicia, con 68 menos.

Nas últimas horas rexistráronse 177 novos positivos, deles confirmáronse 168 por PCR. Unha cifra superior á da xornada anterior, cando se comunicaron 159. 

Nos hospitais, redúcese a presión asistencial con 12 pacientes menos en planta. Nas UCI mantéñense os ingresos. Con estes datos, o total de hospitalizados sitúase en 172. Por outra banda, hoxe hai 134 pacientes en planta, a cifra máis baixa dende finais de agosto. As unidades de coidados intensivos da área de Vigo, que foron mellorando a súa ocupación esta semana, teñen neste momento o maior número de ingresados, con 11 pacientes.

Os casos activos descenden en todas as áreas sanitarias, e no que se refire aos contaxios diarios, Vigo é a que máis suma. Séguenlle Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ourense e Lugo. Ferrol continúa sendo a área con menos contaxios.

Na comunidade escolar hai un centro pechado en Santiago dende onte, a escola infantil de Santa Susana onde deu positivo unha traballadora. En total, a cifra de casos activos descende a 579 e hai 32 aulas pechadas. 

 

 

Repartición dos casos activos por áreas sanitarias 

• A Coruña: 642 (-10)

• Vigo: 854 (-5)

• Ourense: 211 (-11) 

• Santiago: 433 (-7)

• Lugo: 182 (-14)

• Pontevedra: 458 (-12)

• Ferrol: 85 (-9)