CRTVG

Buscar

Os casos activos baixan a niveis non vistos dende outubro: 4.953

Publicado o 02/03/2021 10:12

• As hospitalizacións caen por debaixo das 500, son 48 menos ca onte

• A taxa de positividade das PCR, tamén en mínimos: 1,71 %

Os casos activos baixan a niveis non vistos dende outubro: 4.953

A curva dos casos mantén a súa tendencia á baixa. Segundo o Sergas, hai 4.953 casos activos, 254 menos ca onte. É a cifra máis baixa dende mediados de outubro.

Por áreas sanitarias, a repartición de casos é a seguinte:

A Coruña: 1.612 (-99)

Vigo: 842 (-29)

Pontevedra: 722 (-31)

Santiago: 554 (-15)

Lugo: 456 (-44)

Ferrol: 487 (-25)

Ourense: 280 (-11)

A presión hospitalaria redúcese

No que respecta ás hospitalizacións, hai 488 persoas nos hospitais galegos, 48 menos ca onte. Son 383 en planta (-48) e 105 nas Unidades de Coidados Intensivos (=). Así, a presión hospitalaria está en niveis de comezos de xaneiro.

Onte o Sergas notificou o falecemento de catorce persoas por mor do coronavirus nos últimos días. Isto eleva a cifra de vítimas a 2.252 no que vai de pandemia.

Poucos novos casos e baixa positividade

Segundo os últimos datos do Sergas, fixéronse 4.090 probas PCR (-784), das cales deron positivo 70, a menor cifra no que vai de pandemia. Istro revela unha positividade moi baixa: 1,71 %, tamén a menor dende que Sanidade informa dos positivos por PCR.

Mapas de incidencia acumulada