CRTVG

Buscar

Os casos activos ascenden ata os 16.754 (+762), e aumentan os ingresos nos hospitais

Publicado o 25/07/2021 19:47

• Sanidade comunica a morte dun home de 87 anos no CHOP

• Soben en 22 os pacientes en planta e baixan en un nas UCI

Os casos activos ascenden ata os 16.754 (+762), e aumentan os ingresos nos hospitais

Na tarde do domingo Sanidade notificou a morte dun home de 87 anos que fora diagnosticado coa covid−19 e que sufría patoloxías previas. O falecemento produciuse o 24 de xullo no CHOP. Con estes datos, a cifra total de falecidos ascende a 2.449 dende o inicio da pandemia.

Por outra banda, o ascenso dos casos activos non se detén e fai que este domingo Galicia supere a barreira dos 16.000, con 762 máis. A cifra total ascende xa a 16.754. Aínda que nas últimas horas se notificaron menos contaxios diarios ca o sábado, seguen por riba do milleiro e suman 1.370 novos positivos.

Entre as áreas máis afectadas atópase a de Vigo, onde os casos activos ascenden este domingo a 3.915, tras sumárense preto de 400 contaxios novos. Séguea a da Coruña, con 2.986 e case 300 casos nas últimas horas.

Nos hospitais galegos aumenta a presión, con 22 ingresos novos en planta, aínda que nas UCI hai un paciente menos. Isto fai que se eleve a 227 o total de ingresos. As áreas da Coruña e Ourense concentran un número maior de ingresos en planta, con 44 e 45 respectivamente. E na primeira ascenden a nove os ingresos en UCI. Pola contra, a área de Lugo non conta nestes momentos con ningún paciente en coidados intensivos. 

Repartición dos casos activos por áreas sanitarias

• A Coruña: 2.986 (+177)

• Vigo: 3.915 (+181)

• Ourense: 2.361 (+29)

• Santiago: 2.100 (+110)

• Lugo: 1.761 (+144)

• Pontevedra: 2.873 (+88)

• Ferrol: 758 (+33)