CRTVG

Buscar

Os casos activos ascenden a 15.992 (+883) e baixan en 6 os ingresos en planta

Publicado o 24/07/2021 21:44

• Sanidade notifica a morte dun home de 86 anos no CHUO

• Baixan en 6 os ingresos en planta e mantéñense nas UCI | Ourense é a única área onde descenden os casos activos

Os casos activos ascenden a 15.992 (+883) e baixan en 6 os ingresos en planta

A última hora do sábado, o Sergas notificou o falecemento dunha persoa diagnosticada por covid. Trátase dun home de 86 anos que tiña patoloxías previas e morreu o 23 de xullo no CHUO de Ourense. Dende o inicio da pandemia morreron 2.448 persoas en Galicia.

Por outra banda, os casos activos sitúanse en 15.992, tras sumaren 883 máis. Con todo, son 263 menos con respecto aos que se notificaron este venres, 1.146. Nas últimas horas tamén se reduciron os novos positivos con respecto á xornada anterior, son 1.412, fronte aos 1.593 comunicados o venres.

Nos hospitais galegos redúcese a presión asistencial con 6 ingresos menos en planta. E mantéñense en 23 nas UCI. En total, hai 206 pacientes ingresados por mor da covid en Galicia.

Por áreas, Vigo sitúase á cabeza no número de casos activos, con 3.734, seguida da Coruña, con 2.809. Os casos soben en todas as áreas, agás en Ourense, que ten 9 menos. Xa no que se refire aos contaxios diarios, a área da Coruña é a que sofre un incremento maior, con máis de 250 novos positivos nas últimas horas. Pontevedra e Vigo suman 242 e 241 respectivamente.

 

Repartición de casos activos por áreas sanitarias:

• Vigo: 3.734 (+190)

• Pontevedra: 2.785 (+170)

• A Coruña: 2.809 (+218)

• Ourense: 2.332 (-9)

• Santiago: 1.990 (+107)

• Lugo: 1.617 (+119)

• Ferrol: 725 (+88)

Noticias web

24/07/2021