CRTVG

Buscar

Os casos activos (-11) e a presión hospitalaria volven baixar na véspera da ponte

Publicado o 19/03/2021 10:17

• Os novos contaxios sofren unha repunta, ata os 188 contabilizados nas últimas horas

• Hai 252 persoas nos hospitais (-19), 197 en planta (-17) e 55 nas UCI (-2)

Os casos activos (-11) e a presión hospitalaria volven baixar na véspera da ponte

Os casos activos volveron baixar en Galicia segundo os datos ás 18:00 horas deste xoves facilitados polo Servizo Galego de Saúde. Hai en total 2.575 casos activos, 11 menos que os que se rexistraban na xornada anterior.

O total de contaxios sitúase en 115.471, 188 máis que na xornada previa. Deses novos casos 172 foron confirmados pro proba PCR. O incremento dos casos é superior aos 146 que se contabilizaron no anterior parte facilitado polo Sergas. Ese lixeiro incremento dos contaxios prodúcese na véspera do inicio da ponte e da entra en vigor das novas restricións pensadas para aplicarse na ponte de San Xosé e na Semana Santa co obxectivo de conter a evolución da pandemia e unha posible cuarta onda.

En canto á presión hospitalaria, agora mesmo os centros sanitarios galegos acollen 252 persoas, 19 menos que as que había o mércores. Eses pacientes repártense entre 197 que permanecen ingresados en planta (-17) e 55 nas Unidades de Coidados Intensivos (-2). Os restantes casos activos permanecen nos seus domicilios.

A día de hoxe 110.601 persoas xa superaron a covid-19 en Galicia. 2.315 faleceron a causa do coronaviros desde que se detectou o primeiro caso no noso país.

Por áreas sanitarias, a da Coruña segue sendo a que rexistra con diferenza os peores datos de contaxios activos, e aínda que descenden as infeccións o ritmo de baixada segue sendo lento. Os casos activos baixan en catro das sete áreas sanitarias, e soben nas de Vigo, Lugo e Ourense.

A Coruña 1.017 (-11)

Vigo 487 (+3)

Santiago 275 (-4)

Ferrol 220 (-3)

Lugo 210 (+5)

Pontevedra 204 (-8)

Ourense 162 (+7)