CRTVG

Buscar

Os carniceiros de Viveiro reclaman a reapertura do matadoiro comarcal de Galdo

Publicado o 08/10/2021 14:29

O peche do matadoiro comarcal de Galdo, en Viveiro, está a causarlles graves prexuízos aos carniceiros da vila. Dende que crebou a empresa concesionaria, no mes de abril, levan medio ano tendo que desprazarse entre unha e dúas veces todas as semanas para poder sacrificar as súas reses no outro extremo da comarca, en Ribadeo, ou mesmo fóra da provincia. Esta situación suponlles perder tempo e miles de euros.

Dorinda López, carniceira: "Compramos todos os becerros por aquí, pola zona. Achegarnos ao matadoiro era un momento. Agora, coa distancia que hai ata Ribadeo, tes que pechar a carnicería, perder unha tarde ou contratar alguén que che leve o tenreiro, e iso supón un gasto de cartos e de tempo, loxicamente".

Os afectados reclaman que o matadoiro comarcal reabra o antes posible. Do contrario, advirten, perigaría a actividade das carnicerías tradicionais de Viveiro.

Juan José Insua, carniceiro: "Se con todos gastos que temos, de luz e demais, por riba auméntannos o gasto, pois cada vez nos apretan máis e nos afunden máis".

Pola súa parte, dende o Concello de Viveiro contan con que dentro duns meses o matadoiro de Galdo poida volver funcionar.

Noticias web

08/10/2021