Os candidatos dos sete partidos saen satisfeitos do debate
Os candidatos fixeron unha avaliación das case tres horas que durou o debate electoral. Os sete dixeron saír satisfeitos e coincidiron en sinalar que as posicións dos seus partidos quedaran claras.
"Creo que demos a sorpresa. Cando cheguei esta tarde esa era a miña intención e creo que o conseguimos", di Ricardo Morado de VOX.
"Estamos convencidos, despois do debate aínda máis, de que somos a única alternativa que vai dar moderación, modernidade e diálogo", asegura Beatriz Pino de Ciudadanos.
"Creo que hoxe se viu perfectamente que temos un proxecto compartido entre tres forzas políticas para un cambio político neste país", afirma Antón Gómez-Reino de Galicia en Común-Anova Mareas.
"Pódese concluír que hai dúas maneiras de entender o país. Unha é o modelo do Partido Popular e das organizacións subordinadas a Madrid e outra é a que estamos defendendo desde o BNG", di Ana Pontón do BNG.
"Amosouse que hai un proxecto de futuro para unha Galicia do benestar, para unha Galicia do progreso, para unha Galicia feminista e que imos gobernar Galicia para todos", declara Gonzalo Caballero do PSdeG.
"Quedou claro que o meu non son os debates, o meu é traballar enriba da mesa, desenvolver proxectos, plans estratéxicos... a política como a entendo", asegura Pancho Casal da Marea Galeguista.
"Seis contra un e ademais algúns deles, catro ou tres, representaban a dez partidos distintos. Esta noite só se escoitaba por todos os lados Feijóo, Feijóo, Feijóo. A verdade é que iso non é o importante, o importante é Galicia, Galicia, Galicia", di Alberto Núñez Feijóo do PPdeG.