CRTVG

Buscar

Os campus galegos manteñen os exames presenciais, pero as clases serán telemáticas

Publicado o 26/01/2021 14:27

A tres universidades galegas manteñen os exames presencias que xa estaban programados con anterioridade á entrada en vigor, esta próxima medianoite, das novas restricións anticovid en Galicia. O segundo cuadrimestre do curso universitario comezará con clases telemáticas.

O inicio do segundo cuadrimestre nos campus galegos adíase ata o 8 de decembro e durante as dúas semanas seguintes as clases serán telemáticas.

As novas restricións pola pandemia non afectan aos exames correspondentes ao primeiro cuadrimestre que xa estaban programados. 

"Manter os exames presenciais neste momento é garantía de calidade e tamén o volume de alumnos que teñen que examinarse, pois, é un volume limitado. Iso si, estamos intentando extremar as medidas de seguridade".

Medidas que intentarán que non se formen aglomeracións á entrada e á saída das probas e preven tamén un reforzo dos protocolos sanitarios anticovid.

"Non é o mesmo que unha aula onde si se produce interación entre profesorado e estudantes. Polo tanto, cremos que é a forma máis equitativa. A metade dos exames xa estan feitos e non sería xusto que nestes momentos cambiáramos o formato de exames, entre outras cousas porque non se podería cambiar dun día para outro". 

Entre o estudantado non se entende que se eliminen as clases presenciais e se manteñan os exames na aula.

"Agora mesmo estou de camiño a un exame oral que, na miña opinión, non tiña que facerse".
"Paréceme un pouco incomprensible que non teñamos clases presenciais unha semana e a semana anterior estamos con oitenta persoas na clase facendo un exame presencial".

As novas restricións non afectarán o resto da actividade universitaria.

Noticias web

26/01/2021