CRTVG

Buscar

Os camiños de Santiago súmase aos trens turísticos

Publicado o 15/05/2019 14:32

Os camiños de Santiago súmanse este verán ás rutas dos trens turísticos, como antesala do ano xacobeo 2021. É a novidade do programa que desde 2013 poñen en marcha a Xunta e Renfe, e que en 2018, cunha ruta menos, tiveron un 93% de ocupación. 

No mes de xuño empezan a funcionar doce trens turísticos en Galicia. Coma na edición anteiror, farán as rutas dos faros do norte, pazos e xardíns, Ribeira Sacra, zonas vitivinícolas, augas termais e mosteiros. Este ano engádese a dos camiños de Santiago, que sairá da Coruña e pasará por Sobrado dos Monxes, Lugo e Sarria.

"Estamos ante un itinerario que na antesala do Ano Santo 2021 vai posibilitar percorrer os espazos por onde transcorre o Camiño Francés, o do Norte e o Primitivo, os tres Patrimonio da Humanidade. E tamén o Camiño Inglés", explica Román Rodríguez, conselleiro de Cultura.

Os trens turísticos naceron en 2013 con dúas únicas rutas. O ano pasado, con once, tiveron un 93% de ocupación, cifra que se espera repetir ou mellorar este ano, con 12 percorridos e 57 saídas.

"Baséase nun turismo de calidade, tranquilo, familiar, que pon en valor os nosos recursos patrimoniais, o campo, o viño. Os nosos recursos endóxenos, e posibilita un dinamismo nas nosas comarcas significativo", engade o conselleiro.

Outra novidade desta edición é que as pasaxes se poden mercar no mosteiro de San Martiño Pinario, no centro histórico de Santiago, ademais de nas ventaíñas tradicionais de Renfe.






 

Noticias web

15/05/2019