Os cadaleitos volven saír en procesión na romaría de Santa Marta de Ribarteme
Publicado o 29/07/2019 14:17
É unha das romarías máis famosas de Galicia. No santuario de Santa Marta de Ribarteme reúnense milleiros de devotos pero tamén moitas persoas que queren coñecer algo máis desta cita relixiosa que se remonta á época do medievo.
O momento máis agardado é despois da misa das doce, cando os ofrecidos saen en procesión no interior dos cadaleitos. Un acto de fe que moitas persoas levan facendo xa varios anos.
A romaría, que hoxe celebra o seu día grande, é de grande atractivo mediático. Ata aquí chegan xornalistas dende varios puntos do planeta para falar en primeira persoa deste patrimonio cultural.
Despois da festa relixiosa, os romeiros gozan dun día cheo de música e gastronomía.