CRTVG

Buscar

Os cactos dunha veciña da Estrada acadan os seis metros de altura

Publicado o 09/02/2021 14:39

Chaman a atención, e non é para menos. Os seis metros de altura que acadaron os cactos que franquean a vivenda de Julia son, cando menos, inusuais. Nin ela esperaba, cando os plantou, semellantes alturas.

"Cando se fixeron as beirarrúas, ao pouco tempo puxemos un debaixo do balcón, enseguida medrou ata o balcón e esmagouse. Cambiámolo de sitio e seguiu medrando. Pero aquí e en Galicia non sei se hai cactos tan enormes, non creo porque son demasiado grandes", di.

Julia é unha grande afeccionada aos cactos desde nova, ten máis de 150 variedades diferentes. Asegura que os coidados que lles dá son os habituais e ela mesma se sorprende do resultado nun clima coma o galego.

"No inverno, frío e chuvia, e no verán régoos un pouco e bótolles terra se vexo que lles falta, pero ningún coidado especial", di Julia Puente Moreira.

Ademais da súa altura, estes cactos durante o verán dan flor e froitos.
Julia comparte a su experiencia, coñecementos e resultados a través das redes, ata o punto de que os seus cactos xa espertan interese a nivel internacional.

A fachada da súa casa é á máis fotografada da zona, e non só de día, porque de noite os cactos quedan completamente iluminados, dándolle, se cabe, máis grandeza.

Noticias web

09/02/2021