Os bombeiros sufocan dous incendios en vivendas da Coruña en oito horas
En oito horas, os bombeiros da Coruña tiveron que sufocar dous incendios en vivendas da cidade.
Só causaron danos materiais nas respectivas cociñas.
Contra as oito e media da mañá os bombeiros da Coruña recibiron a alerta dun incendio nun piso da céntrica rúa de San Andrés. A intervención dos equipos de urxencia obrigou a cortar o tráfico na metade da rúa durante boa parte da mañá. O sinistro non causou danos persoais. Na vivenda había dúas persoas que puideron saír ao tellado cando se decataron de que había lume na lavadora situada nun cuarto anexo á cociña.
Juan Manuel Morandeira, suboficial dos bombeiros da Coruña: "Inundou toda a cociña de fume. Os propietarios tiveron a sorte que puideron saír ao tellado. Nós tivemos o problema para entrar porque a porta era acoirazada e foi complicado abrila".
Horas antes, contra as doce e media da noite, tiveron que intervir nun edificio preto da praza de Catro Camiños cun camión escaleira, porque o lume era nun piso undécimo. Cando chegaron os bombeiros había unha ducia de persoas na rúa, que saíran polo seu pé do edificio. Tamén aquí o incendio se orixinou na cociña. Neste caso, un cacharro que quedou ao lume por un descoito dun habitante da casa. O fume estendeuse por toda a vivenda e a cociña quedou completamente estragada.