Os bombeiros dan pautas para evitar lumes no fogar
Témolos nas casas, vémolos nas oficinas, pero quizais non temos claro como e cando utilizalos. Saber manexar un extintor pode evitar que un conato de incendio se transforme en algo máis serio. Jesús Valencia, cabo do parque de bombeiros da Coruña explica que "A vantaxe que teñen os extintores é que son polivalentes, apagan calquera tipo de lume e non hai que ter medo de utilizalos. O po cando se descarga mancha e é irritante para as fosas nasais e os ollos e hai que seguir unhas pautas para utilizalos".
Durante toda esta semana os bombeiros achegan as pautas de prevención máis elementais a todos os que os visitan na praza de María Pita. Poucos quedan sen experimentar as sensacións da casa do fume, un inchable que reproduce unha situación de incendio nun fogar calquera, cando o fume xa o invadiu todo. "Unha vez que temos un incendio na casa e non pechamos a porta, que é a mellor pauta preventiva, hai que saber moverse con fume na casa. Hai que ir agachados, pegados á parede, ir tocándoa ata atopar a saída".
Ademais de participar nas actividades e nos talleres, podemos ver de preto a roupa e o material co que traballan os bombeiros. Tamén subir ao primeiro camión de extinción da cidade, un modesto vehículo do ano 1926 que contrasta cos actuais.