Os biólogos estudan as causas dos varamentos masivos de golfiños nas nosas costas
Nun só día, catro golfiños chegaron mortos á costa galega a fin de semana pasada. Produciuse o que os biólogos chaman unha varada masiva. Non tanto polo número de exemplares que morreron senón polas circunstancias en que se produciron as varadas.
Á espera do resultado das necropsias, descoñécense as causas exactas da morte destes animais que apareceron en diferentes praias entre Sanxenxo e Boiro.
O normal é que as varadas descendan durante o verán. Porén, neste 2019 non se están a cumprir as estatísticas e xa duplican as rexistradas en anos anteriores. A razón atopámola en que a poboación de golfiños se mantivo estable e non diminuíu, porque moitos destes animais non marcharon despois da primavera. Por iso, os biólogos están en alerta e fan un chamamento á colaboración cidadá.
Manter a calma ante unha posible varada e respecto se avistamos golfiños. Observalos de lonxe ou parar os motores das embarcacións son comportamentos axeitados se queremos seguir gozando do espectáculo que estes animais nos ofrecen moi preto das nosas costas.