Os bancos marisqueiros, en perigo pola auga doce da choiva
A choiva non só provoca danos en terra. No mar, é cuestión de días que afecte os bancos marisqueiros. O nivel de sal na auga está próximo a niveis críticos, co que comezaría a morrer a ameixa e o berberecho. Todo isto en plena campaña de Nadal, unha temporada de gran rendemento económico das capturas.
En Carril máis de medio milleiro de mariscadores están pendentes do impacto que vai ter a auga doce na ameixa e o berberecho. Din que parte dos bancos van morrer. As mareas soben pouco e o mal tempo do sur revolve a auga mesturando a salgada que queda próxima ao fondo coa doce que é mais superficial o que afoga os moluscos.
"Esta choiva afecta negativamente, como é evidente. Non soamente a auga doce, senón tamén son lodos arrastrados pola corrente do río. Sería un milagre que non sucedera, vai haber unha riada e temos todos os condimentos para que a haxa", José Luis Villanueva, patrón maior da confraría do Carril.
A salinidade na auga da desembocadura do Ulla, que é un referente importante está en niveis críticos.
"O sensor da auga de fondo indica baixada de salinidade pero de momento aínda non chega a niveis extremos. Pode baixar máis depende do que siga chovendo estes días. Hai valores por debaixo de 10 cando a auga de mar ten niveis arredor de 35", José Molares, subdirector do Instituto Tecnolóxico para o Control Mariño de Galicia.
Nestas condicións a extracción dos bivalvos tamén dana os bancos porque ao remexelos fondos desentérranse moitos moluscos, quedan mais vulnerables e rematan morrendo.