CRTVG

Buscar

Os bancos empezan a cobrar comisións pola retirada en efectivo en portelo

Publicado o 08/10/2021 15:19

"Unha vergoña, o dos bancos é vergoñento e a min dáme mágoa a xentiña, porque nós aínda nos podemos defender algo, pero esta xentiña que vén que non sabe nin meter a tarxeta nos caixeiros", comenta moi enfada unha señora.

Moitísima indignación sobre todo entre a xente maior. Algúns bancos xa están cobrando comisións pola retirada de cartos en portelo. Para evitalas, instan os clientes a facer as retiradas a través dos caixeiros automáticos.

"Pero non se decatan que somos maiores que non nacemos coas maquiniñas?", fala outra.

A comisión que están cobrando non é igual en todos os bancos, a cantidade determínaa a propia entidade.

"Fun sacar cartos, os meus cartos, e cóbranme dous euros, e aí hai xa dous meses que o están cobrando non é cousa de agora, agora vano poñer nos demais, eu quedei alucinada cando me cobraron por sacar os meus cartos", informa unha usuaria de banco.

Os bancos teñen a obriga de comunicar a comisión ao cliente, unha práctica que non sempre se fai.

"A min no me avisou ninguén porque non che mandan nada á casa agora, e eu non teño correo electrónico", continúa falando a muller.

"Imos ter que facer como antigamente, meter debaixo do colchón, porque isto é un abuso en toda regra, isto é para saír todos á rúa", opina outra muller.

Noticias web

08/10/2021