CRTVG

Buscar

Os axentes sociais rexeitan a reforma das pensións que propón o Goberno

Publicado o 19/04/2021 15:09

A reforma que propón o ministerio de Seguridade Social pivota sobre varios eixes. Por un lado, subir as pensións de acordo co IPC do ano anterior. Se a inflación fose negativa, non baixarían, pero subirían menos nos seguintes tres anos. Por outro lado, o Goberno quere alongar a vida laboral da xente, que se traballe máis anos.

Para conseguilo, propón incentivos, ben cun cheque de ata 12.000 euros por ano, ben subindo ata un 4% a pensión futura. Nunha entrevista en Antena 3, José Luis Escrivá aseguran que buscan mesturar estas dúas opcións para "ofrecer un abano de posibilidades máis flexible e máis amplo". A proposta non contenta os axentes sociais. Para Antonio Garamendi, presidente da CEOE, "se imos a xubilar a xente aos 68 anos, que o digan, que non o maquillen".

Por outro lado, o Goberno propón penalizar as xubilacións anticipadas, aumentando o que se desconta por retirarse antes de tempo. Tamén quere prohibir nos convenios colectivos a xubilación forzosa. Os sindicatos néganse en rotundo. Pepe Álvarez, secretario xeral de UXT, pide seriedade porque "a xente en España non se xubila antes porque queira, xubílase antes porque non ten emprego".

Polo momento, a negociación entre Goberno e axentes sociais sobre a reforma das pensións semella estancada. Aínda así, o ministro Escrivá cre que "é habitual na estratexia negociadora dar a impresión de que estás máis lonxe do que estás".

Noticias web

19/04/2021