Os autónomos rexeitan a proposta de suprimir a prestación extraordinaria por cesamento de actividade
O Goberno estuda eliminar a prestación para negocios con perdas de facturación, o que desgusta os autónomos galegos. Calculan que quedarán sen axudas o 80 % dos colectivos que aínda non recuperaron a súa actividade.
A proposta pasaría por substituír esta axuda por cesamento de actividade ou baixos ingresos por exoneracións das cotas á Seguridade Social. Din as asociacións que o Goberno fala dun contexto económico en forte crecemento que non é real e que se van eliminar axudas para o 80 % dos emprendedores que a día de hoxe están cobrando.
Cando os indicadores da pandemia parecen dar un respiro, hai actividades económicas que aínda resulta complicado manter. É o caso das atraccións de feira. Para eles, o cambio no modelo que propón o Goberno de eliminar as axudas a cambio dunha rebaixa nas cotas agravaría a súa situación.
Coma os feirantes, colectivos como axencias de viaxes, guías turísticos ou actividades culturais deixarían tamén de percibir estas axudas extraordinarias.
En Galicia, calcúlase que uns 8.000 traballadores por conta propia poderían quedar sen axudas se a reforma sae adiante.