CRTVG

Buscar

Os autónomos poderán trasladar os seus datos ao borrador da renda

Publicado o 18/03/2021 11:14
Os autónomos poderán trasladar os seus datos ao borrador da renda

Os contribuíntes con rendementos de actividades económicas poderán trasladar directamente estes datos ao seu borrador da declaración da renda de 2020, sempre que leven os seus libros rexistros conforme ao formato da Axencia Tributaria.

O Ministerio de Facenda publicou este xoves no BOE a orde ministerial que regula as declaracións do IRPF e o imposto de patrimonio correspondentes a 2020, cuxa campaña comeza o 7 de abril, e que conta entre as súas novidades unha simplificación dos trámites para os contribuíntes de actividades económicas.

Segundo detalla o BOE, por primeira vez e de maneira voluntaria, os declarantes autónomos e tamén traballadores por conta allea que desenvolvan algunha actividade por conta propia poderán trasladar directamente eses ingresos ao seu modelo da declaración da renda. Esta opción só está dispoñible para os contribuíntes que levan os seus libros rexistros co formato da Axencia Tributaria, regulado desde 2019 para quen cotiza polo sistema de estimación directa precisamente para facilitar a declaración.

A orde ministerial especifica as condicións para presentar a declaración que, como en anos anteriores, poderá realizarse por Internet, por teléfono ou nas oficinas habilitadas con cita previa. O borrador pódese obter a través do programa Renda Web con certificado electrónico, Cl@ave PIN ou número de referencia.