CRTVG

Buscar

Os analistas cualifican de "insólito" a celebración de dous debates en días consecutivos

Publicado o 20/04/2019 09:38

Para Santiago Martínez, consultor político, Pedro Sánchez cometeu un erro ao enlear a data do debate electoral, e cre que agora ao socialista non lle quedaba máis remedio que aceptar os dous. "Fixo toda unha situación surrealista, un pouco rocambolesca, e ao final temos unha solución máis rocambolesca aínda que é que haxa dous debates seguidos. Non ten sentido, o normal é que os debates se fagan espaciados no tempo", declarou á TVG este experto en debates.

Nos dous casos será un debate a catro, sen VOX, tal e como ditaminou a Xunta Electoral. Unha decisión que os de Abascal critican en público pero celebran en privado.

Segundo Martínez, "é o efecto underdog, ese vitimismo de que non me deixan falar, eses que tanto falan de democracia póñenme unha mordaza. Pero eles recoñecen que o non da Xunta Electoral venlles bastante ben porque eu creo que de ir a debate quedarían en evidencia moitas carencias que o partido ten a nivel programático".

Están por ver os efectos que estes dous encontros terán no electorado. "Si é verdade que poden ter influencia entre indecisos sobre todo cando hai unha situación de bastante transferencia, fluxo de votos entre organizacións", engade o consultor quen tamén ten claro que o primeiro debate influirá no segundo.

Noticias web

20/04/2019