Os alumnos dun instituto de Lugo fabrican o dron máis grande de España
Con máis de cinco metros de longo, o construído no instituto As Mercedes de Lugo é o dron máis grande ata o momento en todo o ámbito estatal. Cada un dos seus seis brazos leva un motor de parapente que soporta cen quilos de peso, polo que pode con cargas de ata 450 quilos. Os alumnos do Ciclo superior de Eficiencia Enerxética levan todo o ano traballando neste proxecto.
"A principios de ano empezamos do deseño do motor de dron e despois xa fomos facendo as seguintes partes, unimos as hélices". "Deunos bastante traballo facer os moldes para montar as pezas, deseñar as hélices, conseguir que pesara pouco, cos materiais e todo", contan os alumnos do instituto.
Unha vez finalizado, os brazos deste avión non tripulado serán de fibra de carbono, un material máis lixeiro e resistente que o aceiro. Posto que pode cargar con tanto peso, o aparello terá múltiples funcionalidades. Poderá servir tanto para extinguir incendios en edificios altos como para portar pequenos vehículos eléctricos con pasaxeiros, aínda que esa non era a idea inicial.
Víctor Paz, profesor de Eficiencia Enerxética do CIFP As Mercedes de Lugo: "A idea é que a máquina poida limpar as pas dos aeroxeradores sen ter nada conectado a terra. Que faga unha limpeza levando unha balsa de auga. Pero tamén serve para extinción de incendios en edificios moi altos, onde un camión motobomba non ten presión suficiente. Tamén pode servir para rescate, e de feito a segunda parte do proxecto, que comezaremos en setembro, consistira en que leve un vehículo eléctrico que se poida acoplar para a mobilidade aérea".
Este proxecto pioneiro e con tantas posibilidades supuxo un investimento de 80.000 euros.