CRTVG

Buscar

Os albergues do Camiño portugués melloran levemente a ocupación en agosto

Publicado o 31/08/2020 12:49

Agosto parece que remontou as baixas cifras de peregrinos do mes de xullo no Camiño Portugués, sobre todo nas primeiras semanas. Aínda así, establecementos de Pontevedra por onde pasa a ruta constatan que o ritmo e a localización dos gromos de coronavirus marcan un descenso de ocupación nas últimas datas.

Isabel Estévez, do Hostel GBC, que se estreou este verán, explica que sobre todo foron boas as primeiras semanas do mes. "Tivemos unha ocupación media do 20 por cento", di.

Uns metros máis adiante, na mesma rúa, está o tamén debutante Hostel Depaso. O seu responsable, Miguel Vidal, cifra nun 60 por cento a ocupación media en agosto, tendo en conta que o aforo dos establecementos foi rebaixado para adaptalos á situación de alerta sanitaria.

Estes dous albergues, situados en pleno trazado urbano do camiño, acaban de inaugurar os seus servizos. Fixérono adoptando medidas adicionais de seguridade e protección, polas que agora se preocupan especialmente os potenciais usuarios cando realizan a reserva. A maior parte das pernoctacións este ano son de clientes españois. Con todo, a ausencia de peregrinos estranxeiros non foi total, e confían en recuperar as cifras doutros anos cara ao Xacobeo 2021.

Miguel Vidal di que a procedencia dos usuarios, maioritariamente peregrinos, é sobre todo nacional. En canto aos escasos clientes estranxeiros, foron os portugueses os máis numerosos, seguidos dos italianos. "Bótase moito en falta o peregrino inglés, alemán...".

Isabel Estévez engade que ao principio do mes si houbo máis estranxeiros, pero nas últimas semanas os peregrinos que usaron o albergue foron sobre todo de procedencia estatal.

"Para o ano contamos cunha boa afluencia, pero este vémolo complicado".

Un ano complicado para a peregrinación na segunda ruta a Compostela con maior afluencia de camiñantes. As cifras deste ano quedarán moi lonxe das máis de 72.000 compostelas expedidas en 2019.

Noticias web

31/08/2020