CRTVG

Buscar

Os agricultores denuncian en Madrid unha situación límite pola falta de rendibilidade

Publicado o 05/02/2020 15:01

As protestas dos agricultores chegan ás portas do Ministerio de Agricultura para reclamar unha solución á crise de prezos que afunde o sector.

Francisco José García Navarrete, ASAJA Madrid: "Igual que se publicou unha lei para o salario mínimo interprofesional, pedimos unha lei da cadea alimentaria, que se fixen uns prezos mínimos para que cos nosos produtos cubramos custos, que non podemos estar perdendo no campo".

Unha nova lei que supoña a prohibición das vendas a perdas. O agro agarda con optimismo a rolda de contactos do ministro de Agricultura coas cadeas de distribución que comeza esta tarde, pero pide solucións definitivas. 

Ivana Martínez, COAG Madrid: "Agardemos que non se lle quede nunha xuntanza máis pola convocatoria progresiva de mobilizacións que estamos levando por todo o Estado".

O Goberno non desbota entrar a regular os prezos na cadea de valor, e non disimula a súa preocupación polas protestas dos agricultores. 

José Luis Ábalos, ministro de Transportes e Mobilidade: "O conflito do campo preocúpanos moito. Hai que comezar a poñer un certo freo ao abuso que sofren os prezos no campo, os prezos agrícolas".

A concentración foi convocada conxuntamente polas principais organizacións agrarias de Madrid, que rexeitaron a presenza de políticos. Polo oportunismo da súa presenza na concentración, pedíronlles aos representantes de Vox que marcharan porque non era nin o momento nin a forma.

Noticias web

05/02/2020