Afectados polo accidente do Marisquiño empezarán a cobrar as primeiras indemnizacións
Tres anos despois do accidente do Marisquiño, os afectados empezarán a cobrar as primeiras indemnizacións. É o que din fontes próximas ao caso, aberto no Xulgado de Instrución número 3 de Vigo.
Nesa sede xudicial abríronse 260 pezas separadas, unha por cada persoa ferida naquela noite do 13 de agosto de 2018 que decidiu presentarse no proceso penal porque en total, os lesionados neste accidente foron 377, pero non todos denunciaron.
A maioría deles sufriron contusións ou golpes leves, pero houbo varios que precisaron ingreso e mesmo intervención cirúrxica. Este mércores estaban citados os peritos para validar as cantidades fixadas polos seguros. As de maior contía superan os 20.000 euros. O total destas valoracións está preto dos 782.000 euros.
O caso está máis preto do seu final, pero aínda hai asuntos clave. O derrubamento da pasarela debeuse a un fallo estrutural do que se culpan mutuamente o Concello e o Porto de Vigo. O informe pericial conclúe que o peirao carecía das mínimas garantías de seguridade por falta de mantemento.