Os afectados polo accidente do Marisquiño discrepan sobre a intervención de Caballero
O voceiro do Goberno vigués considera que coa intervención de Abel Caballero no Parlamento aflorou a verdade sobre o accidente do Marisquiño e perderon os que só pretendían socavar a autonomía local.
"Se houbese que valorar a comparecencia e quen gañou nese terreo que eles quixeron colocar, o Partido Popular, é evidente que gañou este goberno", dixo Carlos Font, concelleiro vigués de Seguridade.
Unhas declaracións censuradas polos partidos da oposición no Concello vigués e pola plataforma de afectados polo accidente.
"Aquí non gañou ninguén, de momento. Aquí perdemos todos, a cidade, os nosos fillos. O de gañamos paréceme unha mensaxe moi electoral", asegurou Julio López, da plataforma de afectados polos accidente.
Os afectados quéixanse de que a comparecencia de Caballero no Parlamento galego supuxera o regreso aos enfrontamentos políticos sobre o accidente. Recrimínanlle que se centrase en cuestións técnicas e non falase das vítimas. E denuncian pouca atención, en concreto que o Concello siga sen dotar de psicólogo a oficina creada para axudalos.