CRTVG

Buscar

Os aeroportos galegos retoman a actividade á espera dun incremento de viaxeiros

Publicado o 09/05/2021 13:26
Os aeroportos galegos retoman a actividade á espera dun incremento de viaxeiros

Ambiente moi tranquilo esta mañá no aeroporto de Santiago.

Rematou o estado de alarma, pero polo momento, segundo os datos de AENA, o número de voos nos aeroportos galegos é moi semellante ao da semana pasada. 

Esperan que o tráfico aéreo se incremente cara ao verán, mentres moitos dos viaxeiros que atopamos hoxe veñen por traballo. Outros aproveitan para vir a ver a familia despois de moito tempo.

No aeroporto de Santiago este domingo, por exemplo, hai entre chegadas e saídas unhas 22 operacións. Son voos de Lanzarote, Madrid, Barcelona, de Xenebra ou de París. De alí chegaban Fran e Abdón, que despois de falaren con nós marchaban para o Barco de Valdeorras.

No primeiro trimestre do ano pasado o aeroporto de Santiago, o Rosalía de Castro, recibía algo máis de 433.000 pasaxeiros; no que levamos de ano, non chega aos 80.000 usuarios. É unha redución similar á que se dá no resto dos aeródromos. No da Coruña, o de Alvedro, o número de pasaxeiros reduciuse nos primeiros meses do ano un 76,6 por cento con respecto ao mesmo período do ano pasado, e no de Vigo esta redución foi dun 64,4 por cento. Espérase reverter estas cifras agora con esta apertura de fronteiras.