CRTVG

Buscar

Os aeroportos galegos recuperan usuarios en setembro, pero aínda están por debaixo das cifras previas á covid

Publicado o 14/10/2021 15:05

Ano e medio despois do inicio da pandemia, a imaxe desta mañá na terminal compostelá, un día laborable, sen ponte festiva, ben entrado o outono, era case insólita. As ringleiras de viaxeiros para as Canarias, Madrid ou Málaga parecen confirmar a tendencia á recuperación do tráfico aéreo.

Santiago foi un dos tres aeroportos de toda a rede estatal que máis usuarios recuperou respecto de setembro de 2019. Aínda así, os preto de 235.000 pasaxeiros rexistrados supoñen un 17 por cento menos que hai dous anos. En Alvedro e Peinador tiveron un 39 e un 27 por cento menos usuarios.

En total, ao peche deste terceiro trimestre, a recuperación da rede aérea galega aínda ten moita marxe de mellora, con menos da metade dos pasaxeiros que no último ano comparable. Mesmo así, nótase que hai ganas de viaxar. Así o confesa unha das que hoxe partían do Rosalía de Castro de Santiago, traballadora dun hospital e "con gañas de esquecer pandemia, enfermos, e relaxarme". Un rapaz emigrado en Suíza que retornaba hoxe a Zúric logo de visitar a familia, tamén corroboraba: "Nótase que hai máis tráfico nos aeroportos, máis ringleiras...".

A partir de mañá venres darase outro paso para a recuperación gradual da normalidade. Aena levantará as limitacións de acceso vixentes pola covid, para que recibimentos ou despedidas poidan volver vivirse no interior das terminais.

Noticias web

14/10/2021