CRTVG

Buscar

Os adolescentes consomen pornografía violenta de forma habitual aos 14 anos

Publicado o 02/10/2019 15:19

Sexo violento, de contido machista e fortemente vexatorio contra as mulleres. Son elementos característicos da chamada nova pornografía, á que acceden a través do móbil a maior parte dos adolescentes. Moitos, de forma habitual con 14 anos de idade, pero algúns xa se inician tan só oito anos. Esta pornografía convértese, para moitos, na principal fonte de información afectivo-sexual.

Lluís Ballester, da Universidade das Illas Baleares e autor do estudo sobre este tema, explica que "o máis perigoso é que se conforme o imaxinario sexual, a túa identidade en relación á sexualidade e que gama de prácticas poden desenolverse, basicamente a través da pornografía".

Un perigo que ten consecuencias directas e que explica, segundo os expertos, o incremento de condutas como a das mandas.

"Agora hai máis de cen 'manadas' xudicializadas e hai unha relación directa entre isto e o feito de que un dos vídeos máis vistos desta nova pornografía sexa unha violación en grupo", advirte o director de Igaxes, Carlos Rosón, que engade que "non é casualidade que cada vez máis homes consideren que forzar a parella a manter relacións non é violación".

No foro sobre educación afectivo-sexual celebrado hoxe en Santiago apuntan a educación, tanto na casa como na escola, como a vía para darlle a volta a esta situación. E nese sentido, María Lameiras, catedrática de Psicoloxía da Universidade de Vigo, insiste en que "temos que garantir que todos os docentes, tanto de infantil e primaria como de secundaria teñan formación".

Un 80% dos mozos e mozas preguntados aseguran que non tiveron educación afectivo-sexual ou que esta non lles serviu para nada.

Noticias web

02/10/2019