CRTVG

Buscar

Os admitidos en escolas infantís da Xunta para o próximo curso caen en 300 ata os 8.200

Publicado o 20/07/2020 18:40
Os admitidos en escolas infantís da Xunta para o próximo curso caen en 300 ata os 8.200

O número de admitidos en escolas infantís da rede autonómica A Galiña Azul da Xunta descendeu en 300 respecto ao curso pasado. Así, foron aceptados un total de 8.200 nenos e nenas para o próximo curso, o que representa o 76% das 10.800 solicitudes presentadas.

Segundo informou a Consellería de Política Social, desde este luns pode consultarse a relación de admitidos. A lista de espera está composta por 1.700 nenos e nenas, 1.600 menos que no período anterior.

Deste xeito, as familias que non fosen admitidas poden acollerse ao Bono Concilia, un programa de axudas directas para gastos en escolas infantís privadas.   

Das 8.200 solicitudes aceptadas, o 60% corresponden a novos ingresos e o 40 por cento restante, renovacións.

A Xunta tamén resalta que hai 26 menores con necesidades especiais, 882 de familias numerosas e 345 a familias monoparentais.   

En canto á distribución por provincias, 3.428 nenos e nenas empezarán o curso en centros Galiña Azul da Coruña, 3.065 na provincia de Pontevedra, 864 en Ourense e 868 en Lugo.

Este martes quedará aberto o prazo para a formalización de matrícula, que permanecerá aberta até o próximo 30 de xullo.