CRTVG

Buscar

Os acusados de extorsionar a propietario dun club de alterne aceptan penas menores

Publicado o 26/02/2020 13:37

Os coñecidos como os murcianos sentaban hoxe no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Lugo por presuntamente ameazar, mallar, secuestrar e extorsionar o dono dun club de citas e a súa familia no concello lugués de Quiroga.

Segundo o escrito da Fiscalía, a vítima pediulles aos prestamistas 12.000 para solucionar os seus problemas económicos. Acordaron unha data para devolverlles os cartos, pero a vítima non chegou a pagar. Foi aí cando comezaron as continuas chamadas con ameazas que logo pasaron a ser visitas ao seu domicilio e ao da súa nai e irmá.

Nunha destas visitas mesmo obrigaron a súa irmá a asinar un contrato de compravenda do seu coche como pago de parte da débeda. A situación agravouse cando os acusados retiveron contra a súa vontade e durante tres días o empresario, tempo en que mesmo chegaron a agredilo. Os cinco acusados recoñeceron os feitos resultado do acordo ao que chegaron as partes.

Así o explicaban a avogada da acusación particular, María Jesús Tapia, e o letrado dun dos acusados, Iván Torres: "Todos os acusados recoñeceron os feitos, o ministerio fiscal rebaixou a petición de condena e nos aceptamos esa rebaixa. Bueno falase dun secuestro pero en realidade é a versión do denunciante, non hai indicios que determinen ese secuestro".

Co atenuante das dilacións indebidas e ante o feito de que algúns dos acusados xa indemnizaron as vítimas, o Ministerio Fiscal rebaixou as penas. Así os dous principais acusados que se enfrontaban a penas de 15 anos de prisión, a pena que se solicita é de 2 anos e 2 meses de prisión. Para os outros tres a petición de pena de prisión pasou de 9 a un ano e tres meses de prisión. O xuízo quedou visto para sentenza.

Noticias web

26/02/2020