CRTVG

Buscar

Os 600 bolseiros da Fundación Amancio Ortega participan nunha experiencia académica pioneira

Publicado o 19/10/2020 15:22

Os 600 bolseiros da Fundación Amancio Ortega participan desde España nunha experiencia académica pioneira. Trátase dun programa educativo dixital impartido por dúas das mellores universidades do mundo.

Con 16 anos, Emma é alumna do instituto de Mugardos, da Universidade de Cambridge e do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts. Igual ca os demais bolseiros da Fundación Amancio Ortega, a Covid deixouna en terra, pero a tecnoloxía permítelle agora formar parte dun proxecto con asignaturas fóra do común.

Emma Vázquez Linos, bolseira: "Comezamos este mes, a primeira semana fixemos unha composición musical, a segunda estudamos como se estenden as enfermidades, concretamento o coronavirus porque é a que máis nos afecta agora, e para ao próxima imos ver como se fai un satélite montando circuítos".

Belén Ocampo, directora de proxectos da Fundación Amancio Ortega asegura que é moi difícil substituír un ano académico no estranxeiro, pero deste xeito -engade- "cumpren os obxectivos de entrar en contacto con sistemas educativos diferentes, que utilizan metodoloxías menos comúns en ámbitos académicos de interese para eles".

Ángel, de Vigo, é outro dos 600 escollidos. Compaxina os seus estudos de primeiro de bacharelato con este innovador programa dixital. O esforzo é grande, pero a recompensa tamén.

"Creo que vou facer novos amigos e tamén creo que vou coller soltura, sobre todo para traballar en equipo e nunha lingua que non é a miña", coméntanos Ángel.

Superada a decepción de non estudar este ano no estranxeiro, Ángel e Emma gozan dunha oportunidade que, segundo destacan, lles permite aprender a aprender, a máis difícil das materias.

Noticias web

19/10/2020