CRTVG

Buscar

Os 2.000 rastrexadores militares están dispoñibles desde hoxe

Publicado o 28/08/2020 09:19

Murcia, a Comunidade Valenciana e Cantabria son as tres primeiras comunidades que anunciaron a sua intención de incorporar rastrexadores militares na loita contra a covid-19. Desde hoxe estarán dispoñibles os 2.000 efectivos por un tempo ilimitado.

"Nós temos estruturados uns equipos polivalentes capaces de facer funcións de rastrexo adaptándonos ás necesidades das comunidades autónomas segundo necesiten", explica Ramón Rey, capitán enfermeiro.

Os positivos seguen aumentando. Sanidade notificou este xoves 9.658 novos casos. Un incremento que, segundo Fernando Simón, se debe principalmente a dous factores: unha maior capacidade de detección e unha maior mobilidade da poboación.

"Eu creo que, en xeral, se están aplicando as medidas de xeito correcto, o que pasa é que incrementamos substancialmente a nosa mobilidade e, polo tanto, increméntase a probabilidade de transmisión. Estamos conseguindo que este incremento da transmisión non afecte os nosos grupos máis vulnerables e estamos vendo que non afecta a nosa capacidade asistencial de forma drástica", asegura Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias.

A presión sanitaria segue sendo baixa. Hai un 5% de hospitalizacións, cando no pico da pandemia houbo ata un 55% dos pacientes ingresados por coronavirus.

"O 5% de hospitalización para unha soa enfermidade é sempre unha cifra moi importante, pero este 5% de ingresos por coronavirus non ten nada que ver co que tivemos nos meses de marzo e abril, cun 55% de camas ocupadas por pacientes con coronavirus", explica Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias.

Madrid, Andalucía, Cataluña e o País Vasco están á cabeza en número de infectados nos últimos 14 días. Sanidade reportou 25 novos falecidos por covid-19 no seu ultimo balance.

Noticias web

28/08/2020