Orozco e Besteiro recorrerán o auto da xuíza de Lara
Dous dos principais investigados no caso Garañon moven ficha tras o peche da instrución . O ex-secretario xeral do PSdeG e ex-presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o ex-alcalde de Lugo, Xosé López Orozco recorrerán contra o auto.
A xuíza instrutora, Pilar de Lara, propón a apertura de xuízo e sinala a Besteiro como un dos presuntos beneficiados polos cambios nos convenios urbanísticos, apuntando á compra e reforma a baixo prezo da súa vivenda particular. A súa defensa anunciou que estuda denunciar a xuíza por prevaricación. López Orozco mantén que actuaron en base aos informes técnicos.
A alcaldesa de Lugo criticou a dilación deste proceso durante oito anos o que impediu a defensa dos investigados.
Os seus socios de Goberno, o BNG, di que son respectuosos coa xustiza. Mentres que o líder da oposición pídelle á alcaldesa responsabilidades e que se cumpra a legalidade.
O caso Garañón investiga presuntas irregularidades na planificación desta urbanización. Unha obra paralizada xudicialmente e sobre a que hai orde de derruba. O Concello di que traballa nese proceso coa elaboración dos pregos para modificar o PXOM e crear unha zona verde.