Varios rexistros e detencións en Lugo nunha operación contra o tráfico de armas
A policía rexistrou varias vivendas e un local comercial de Lugo no marco dunha operación contra o tráfico de armas dirixida por un xulgado de Málaga. A investigación, que se desenvolve ao mesmo tempo en todo o ámbito estatal, encóntrase baixo segredo de sumario. Podería saldarse xa cunhas 40 detencións, das que polo menos dúas se practicarían na capital luguesa.
"É unha operación que se está levando a cabo baixo segredo de sumario por un xulgado da provincia de Málaga", di Manuel Arias, voceiro da comisaría de Lugo. "Estase desenvolvendo en varias provincias de toda España e nestes momentos aínda continúa aberta. Séguense facendo rexistros e non se pode determinar aínda o número total de detidos derivado da operación", engade.
Unha das detencións realizouse neste chalé da zona da Campiña, que foi rexistrado por un grupo de axentes e de Tedax chegados dende Madrid. O dispositivo policial, con oito vehículos e máis dunha ducia de gardas, sorprendeu os veciños, que viron como comisaban varias caixas que poderían conter armas de calibre longo.
"Eu o primeiro que notei foi que un coche botou toda a mañá aparcado aquí, cun home de paisano dentro, e non lle dei importancia. Pero despois houbo moita policía, como dez patrullas, incluso. E cando veu o dono seica non abría ata que non trouxeran unha orde de rexistro. Cando a trouxeron, abriron, foron uns policías para un lado e outros polo outro e empezaron a sacar caixas. E despois seica levaron o home detido", dinos unha testemuña.
Unha das persoas detidas en Lugo xa se encontra en liberdade.