CRTVG

Buscar

Comisan 20 quilos de heroína nunha operación antidroga con tres detidos en Galicia

Publicado o 03/02/2020 16:51

• Un matrimonio de Carballo tiña 9,5 quilos baixo terra na súa vivenda e un albanés dirixía a rede dende a Illa de Arousa 

A Garda Civil e a Policía Nacional detiveron once persoas, residentes en Galicia e Madrid, por tráfico de drogas, e incautáronse de 20 quilos de heroína, parte dela localizada baixo terra e lodo a 1,50 metros de profundidade.

A operación Fireball Kazino foi dada a coñecer este luns en conferencia de prensa pola subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, o xefe superior de Policía de Galicia, José Luis Balseiro, e o xefe da comandancia da Garda Civil da Coruña, Francisco Jambrina.

Tras o rexistro "dun taller clandestino", os axentes incautáronse dun total de 20 quilogramos de heroína, 400.000 euros, once vehículos, unha escopeta recortada, unha arma simulada, teléfonos, xoias e computadores.

Tres dos detidos son de nacionalidade albanesa, dous de nacionalidade romanesa, catro colombianos e un matrimonio residente en Carballo (A Coruña).

Realizáronse catro rexistros domiciliarios: un na Illa de Arousa (Pontevedra), outro en Vigo, en Carballo e en Madrid.

A subdelegada do Goberno agradeceu o labor da Garda Civil e da Policía Nacional que traballaron "en estreita combinación e colaboración" para promover "a seguridade de todos os cidadáns".

Segundo relatou o xefe da comandancia da Garda Civil da Coruña, Francisco Jambrina, a investigación comezou no principio do ano ao observar "un aumento de heroína na zona de Carballo" e chegan, nun primeiro momento, ao matrimonio residente na zona de Goiáns.

As pescudas levaron a Garda Civil a localizar unha persoa de nacionalidade albanesa, residente na Illa de Arousa, que xa fora detida en 2017 por tráfico de drogas. A través deste sospeitoso chegaron a outra persoa de nacionalidade albanesa, residente en Madrid, momento no que "salta unha coincidencia" cunha investigación da Policía Nacional e acordan seguir coa operación conxuntamente.

A organización criminal tiña un taller clandestino situado no polígono madrileño de Humanes. No interior dunha nave, os vehículos usados para a comisión dos delitos pasaban varios meses para ser transformados mediante a instalación na súa carrocería e interior de sofisticados habitáculos de gran tamaño, recubertos de chumbo e imposibles de detectar, onde esconder a droga ante un eventual control policial.

Cando estes vehículos estaban preparados para realizar o transporte, eran rematriculados con placas de Romanía e entregados ás persoas que se encargaban de efectuar longos desprazamentos a bordo dos mesmos ata diversos países de Europa, principalmente os Países Baixos, onde eran cargados e regresaban novamente a España.

Estes vehículos en ocasións ían directamente a Galicia, e outras veces acudían á nave clandestina de Madrid, onde a droga era traspasada a outros vehículos e transportada a terras galegas.

O pasado 23 de xaneiro, os axentes encargados da investigación detectaron que un dos coches preparados na nave de Madrid regresaba a España procedente de Holanda, iniciando o seu seguimento ata Vigo onde foi interceptado, achando no mesmo ocultos nun habitáculo de gran tamaño nos baixos do vehículo 10,5 quilogramos de heroína.

Entón realizáronse as once detencións e, no rexistro efectuado na vivenda unifamiliar de Carballo, acháronse numerosas doses de heroína e cocaína listas para a súa venda, así como 35.000 euros, unha escopeta de repetición municionada e co canón recortado e unha arma curta simulada.

Na leira exterior da casa, os cans especializados en detectar drogas localizaron un lugar concreto no que podería esconderse droga. Tras escavar nel, os axentes atoparon a unha profundidade de 1,50 metros unha bolsa de gran tamaño que contiña no seu interior perfectamente impermeabilizados máis de 9,5 quilogramos de heroína empaquetados da mesma maneira que os incautados días antes no interior do vehículo en Vigo.

Aos efectos intervidos súmanselle 62 gramos de heroína e 93 gramos de cocaína preparadas para a venda inmediata a consumidores.

"Prevese facer algunha detención máis", asegurou Jambrina, que puntualizou que a operación non está pechada.

Así mesmo, sinalou que "unhas 300.000 doses" poderíanse distribuír pola comunidade galega. "Estamos a falar dun nivel de tráfico internacional, vendían a provedores de menor escala. Nós só chegamos a ese matrimonio pero probablemente habería máis clientes aos que non puidemos chegar", detallou.

Tamén lamentou que "un aumento no consumo de heroína ultimamente", pero dixo que agora, ao contrario que nos anos 80, consómese a maioría das veces "queimándoa e inhalando os gases", o que supón "menos risco sanitario" que mediante inxección.

Noticias web

03/02/2020