CRTVG

Buscar

'Ons' e 'A illa das mentiras', finalistas favoritas dos Mestre Mateo

Publicado o 10/03/2021 17:31

Xa coñecemos as candidaturas aos Premios Mestre Mateo. De Ons a Sálvora. As dúas longametraxes rodadas nas illas atlánticas competirán pola maior cantidade de premios. Película, dirección con Alfonso Zarauza e Paula Cons. Actriz con Melania Cruz e Nerea Barros. Actor con Antonio Durán, Morris, e Darío Grandinetti. E así poderiamos designar as 13 candidaturas de Ons e as 12 de A illa das mentiras.

Tras elas, as series El desorden que dejas, 8, ou Néboa, 6, e o filme Arima con 7. As versións orixinais en galego de Televisión de Galicia como O sabor das margaridas ou Auga seca volven competir no ano en que mudou o consumo das series polo asentamento das plataformas.

E o que nunca desparece é a función da televisión como espello do pasado e o presente de Galicia. A produción de Televisión de Galicia Os castros, dirixida por Xosé Manuel Vega, opta a mellor programa e a súa presentadora, Alba Mancebo, a mellor comunicadora, categoría en que competirá con Rodrigo Vázquez, Simone Saibene e Roberto Vilar. O 10 de abril na Coruña, o resultado, por un adiovisual que non quede illado.

Noticias web

10/03/2021